O artigo 1 do Código civil declara que as fontes do Dereito son a Lei, o costume e os principios xerais do Dereito. O 1.2 establece "carecen de validez as disposicións que contradigan outras de rango superior". E o artigo 6 da Lei Orgánica do Poder Xudicial ordena que "os Xuíces e Tribunais non aplicarán os Regulamentos ou calquera outra disposición contraria á Constitución, á lei ou ao principio de xerarquía normativa". O artigo 9.3 da Constitución, ao recoñecer o principio de legalidade postula unha xerarquización das normas xurídicas (STC52/1983) . Así a Constitución é a primeira fonte do Dereito, logo as Lei Orgánicas e as ordinarias, Decretos Leis, (art. 86 CE), Decretos lexislativos dictados en desenvolvemento das Leis de Bases (arts. 82 a 85 CE) e Regulamentos do Goberno (art. 97 CE). A relación entre Leis Orgánicas e leis ordinarias, art. 81 CE) vén dada pola materia (STC 213/1996) e así a Constitución é a principal fonte do ordenamento xurídico, e, polo tanto, as leis deben respectar a Constitución como di o art. 9.1 CE "Os cidadáns e os poderes públicos están suxeitos á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico" e a LOPX, art. 5.1 declara que "A Constitución é a norma suprema do ordenamento xurídico, e vincula a tódolos xuíces e tribunais, que interpretarán e aplicarán as leis e os reglamentos segundo os preceptos e principios constitucionais, conforme á interpretación dos mesmos que resulte das resolucións ditadas polo Tribunal Constitucional en todo tipo de procesos". E o art. 3.1 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, establece que as Administracións Públicas actúan con sometemento pleno á Constitución, á Lei e ao Dereito. E os Tratados internacionais son fonte directa (art. 96 da Constitución española) e formarán parte do ordenamento xurídico interno "unha vez publicados oficialmente en España". En definitiva, en primeiro lugar da escala xerárquica das normas do noso ordenamento xurídico está a Constitución, despois os Tratados internacionais publicados, as Leis Orgánicas e Ordinarias, os Decretos-Leis, os Decretos Lexislativos, os Regulamentos aprobados polo Goberno por Real Decreto e os regulamentos aprobados por Orden ministerial. Como complemento das normas anteriores estarían o costume, os principios xerais do Dereito e a xurisprudencia. Engadindo a primacía do Dereito comunitario que esixe adaptar o Dereito nacional ao Dereito comunitario.
Se desexa ver o artigo, prema na seguinte ligazón:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/ordes/2020/06/07/do-receo-a-nova-normalidade/0003_202006A7C4991.htm